VIDEOCHAMADA “PONTEDEUME-MONFORTE”
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información axudará a levar a cabo actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.
A Rede conta con 100 dinamizadores e dinamizadoras, espallados pola xeografía galega en diferentes entidades, que desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital e otros de moi variada temática, adaptándose ás diferentes necesidades dos colectivos sociais tales como mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
Coincidindo o día 17 de maio coa celebración do Día das Letras Galegas, o Día de Internet e o Día das Telecomunicacións e a Sociedade da Información, a Rede de Dinamización da Sociedade da Información en colaboración co Concello de Pontedeume e o Centro de Maiores de Caixa Galicia de Pontedeume está a desenvolver unha actividade que consistirá na realización dunha videoconferencia entre os centros de maiores de Caixa Galicia dos concellos de Pontedeume e Monforte.
Todas aquelas persoas interesadas en participar desta experiencia poden acudir ó centro o día 19 de maio pola mañá, data en que se desenvolverá a videoconferencia para que os veciños e veciñas destes dous concellos se coñezan e intercambien información acerca dos seus pobos.