I PLENO INFANTIL PONTEDEUME
O CONCELLO DE PONTEDEUME CELEBRARÁ O PROXIMO VENRES UN PLENO INFANTIL COINCIDINDO COA CELEBRACION DO DIA DA PAZ E A NON VIOLENCIA
O pleno infantil, no que participarán alumnos de sexto de primaria, celebrarase na Casa da Cultura a partir das once da mañán
O goberno local de Pontedeume está a organizar un pleno infantil no que participarán alumnos de distintos centros educativos do municipio. Coincidindo co Día Escolar pola Paz e a Non Violencia que tradicionalmente se ven celebrando dende 1964 tódolos 30 de xaneiro e que ten por ebxectivo a educación do alumnado para a tolerancia, a solidariedade, a concordancia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz; a Concellería de Servizos Sociais, propuxo aos centros de ensino primario a realización do Primeiro Pleno Infantil da Vila .
“Preténdese que neste acto as nenas e nenos de Pontedeume deixen constancia dos seus desexos para conseguir un mundo mellor, máis xusto e máis humano, mediante a posta de manifesto dos asuntos que lles preocupan, así como as posibles solucións que ditas problemáticas poidan ter, segundo o seu punto de vista e a súa idade”, explicou a edil de Servicios Sociais, Ruth García Campos.
“Consideramos esta celebración como unha oportunidade máis de colaboración entre o Concello e os Centros de Ensino de Pontedeume, o que posibilita que nos convirtamos en instrumentos para a formación e a capacitación do alumnado para a súa participación activa nunha sociedade máis xusta, libre e responsable”, explicou a edil eumesa.
García Campos explicou que “a Concellería de Servizos Sociais deste Concello e consciente de que a participación democrática é unha actitude básica para a creación dunha sociedade máis xusta e igualitaria. Como administración máis próxima aos cidadáns xogamos un importante papel na planificación, organización e posta en marcha de accións encamiñadas a favorecer dita participación. A esta máxima responde esta proposta didáctica”, comentou.
Estas primeira edición do pleno infantil plantéxase como unha experiencia piloto en canto á metodoloxia de traballo e ós medios utilizados, “experiencia que co tempo poderase ir matizando para darlle un carácter estable á actividade”.