XIX CONCURSO DE CONTOS “VILA DE PONTEDEUME”
BASES XIX CONCURSO DE CONTOS “VILA DE PONTEDEUME”
O pasado Sábado anunciabase no BOP as bases para o XIX concurso de Contos Vila de Pontedeume, aquí deixamosches as bases por si estás interesado en participar.
BASES
1. O concurso de contos está restrinxido a estudantes de Segundo Ciclo da ESO, Bacharelato e Ciclos de Formación de Grao Medio ou Superior, cuxa idade non supere os 20 anos.
2. A lingua a empregar será o noso idioma. Os participantes concorrerán cunha única obra.
3. Os contos serán inéditos cunha extensión entre os 6 e 10 folios mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
4. As obras poderán presentarse directamente ou ben ser remitidas por correo certificado ao Rexistro Xeral do Concello de Pontedeume (rúa Real 13, 15600 Pontedeume. A Coruña) en sobre pechado co título da obra e lema ou pseudónimo do autor, acompañado doutro pequeno sobre, tamén pechado, no que conste o auténtico nome e apelidos do autor, así como a fotocopia do seu D.N.I., teléfono, enderezo e indicación do centro no que cursa os seus estudos e estudos que está cursando.
5. O prazo de presentación remata o 30 de marzo de 2009.
6. Estabelécese un único premio dotado con 732 €.
7. O premio poderá quedar deserto de non existiren obras de calidade a xuízo do xurado.
8. Así mesmo o xurado poderá determinar o outorgamento de accésits.
9. A decisión do xurado é inapelábel. A composición do xurado difundirase a través dos medios de comunicación unha vez rematado o prazo de presentación dos contos. A decisión do xurado comunicaráselles aos participantes e público en xeral o mesmo día da entrega dos premios, e asemade difundirase a través dos medios de comunicación.
10. O día da entrega dos premios será o día 17 de maio de 2009, Día das nosas letras
11. O Concello resérvase a posibilidade de publicar o premio e accésits no momento que considere conveniente. Neste sentido, o/a autor/a renuncia a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor e o/os exemplar/es que entregue da súa/s obra/s quedarán en propiedade do Concello de Pontedeume.
12. A organización resérvase o dereito de cancelar o concurso ou resolver os imprevistos sen estar obrigada a comunicárllelo previamente aos participantes.
13. A participación no concurso implica a aceptación das presentes bases.