O CONCELLO DE PONTEDEUME PARTICIPA NUN PROXECTO DA REDE EUROPEA DE FORMACIÓN E ACCESO AO MERCADO LABORAL
O Concello de Pontedeume integrouse na rede europea de formación e acceso ao mercado laboral promovida pola Deputación da Coruña para permitir que os veciños eumeses que así o desexen poidan beneficiarse da formación ofertada por este proxecto.
A Rede XIANA (Xestión Integral, Accesibilidade, Novas Tecnoloxías e Adaptabilidade non mercado laboral galego) ten como principal obxectivo o fomento do emprego en municipios, da provincia da Coruña, de menos de 50.000 habitantes e Pontedeume non quixo quedar fora desta convocatoria, posto que “hoxe máis que nunca debemos favorecer ós colectivos que se atopan en situación máis comprometida, agravada, se cabe, pola crise que padece o noso país.”
Do total de cursos a impartir beneficiaranse ata 1.140 persoas desempregadas de toda a provincia pertencentes aos sectores con maior taxa de desemprego (menores de 25 e maiores de 45 anos, mulleres de todas as idades, desempregados/as de longa duración e persoas en rega de exclusión social).
Rede XIANA ten como obxectivos xenerais a dinamización da base económica do medio rural, fomentando a aparición de actividades profesionais competitivas e multifuncionais (novos xacementos de emprego); mellorar o nivel dos servizos de proximidade da poboación rural, elevando o nivel de benestar e garantindo a igualdade de oportunidades especialmente para as persoas de maior vulnerabilidade ou en risco de exclusión social e executar accións locais coherentes coas iniciadas desde outros niveis administrativos procurando establecer sinerxías entre os instrumentos de políticas públicas das distintas administracións.
Dende o Concello de Pontedeume non nos queremos esquecer destes colectivos e somos conscientes da importancia de levar a cabo actuacións específicas para a formación e benestar dos e das demandantes de emprego que teñan a tarxeta actualizada.
Os requirimentos para poder solicitar os mesmos son: ser maior de 18 anos, estar empadroados/as nalgún dos Concellos asociados á Rede XIANA, non ter impedimento físico para o desenvolvemento da profesión do curso e no caso de persoas emigrantes retornadas e inmigrantes deberán acreditar (cos documentos correspondentes da oficina consular na que figuren inscritos/as) que se atopan residindo en España dentro da legalidade vixente.
PRAZO E INFORMACIÓN
As datas para inscribirse nestes cursos son do 27 de Abril ao 22 de Maio (ámbolos dous inclusive).
Para mais información poden acudir ao Departamento de Servicios Sociais do Concello, no teléfono 981 433 288 ou tamén por medio da páxina web www.redexiana.org.