jueves, 24 de junio de 2010

XUVENTUDE PUBLICA CONVOCATORIA 220 PRAZAS RESIDENCIAS ESTUDIANTES



O DOG publica a convocatoria das 220 prazas en residencias que oferta Xuventude aos estudantes no curso 2010/2011


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde que regula a convocatoria das prazas residenciais que oferta a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado aos estudantes para o curso 2010/2011. Así, as 220 prazas do total _todas en réxime de internado- distribúense do seguinte xeito: 76 no centro residencial xuvenil LUG; 50 para a residencia Florentino L. Cuevillas de Ourense; e 94 na residencia Altamar de Vigo. Deste xeito, a Consellería de Traballo e Benestar pon a disposición dos mozos e mozas estudantes, durante o ano académico, as súas instalacións, nas que se lles ofrecerán aloxamento, mantenza, así como unha serie de actividades convivenciais e educativas.

Para os efectos dos usos das instalacións, o curso académico abranguerá desde o 16 de setembro de 2010 ata o 15 de xullo de 2011. O prazo para solicitar estas prazas está aberto ata o 9 de xullo. En total, a cota que haberá que aboar por mes _incluíndo aloxamento e mantenza- será de 263 euros.

En concreto, estas prazas están dirixidas aos estudantes de ciclos formativos de grao medio e grao superior; de bacharelato; de estudos superior en ensinanzas artísticas; e de estudos universitarios -ben de grao ou equivalente, ou ben de estudos universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo nos casos nos que non se teña xeneralizado a implantación dos novos títulos-.

Ademais, para poder acceder ás prazas haberá que cumprir unha serie de requisitos como posuír a nacionalidade española, ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro residente en España. Os solicitantes non poderán superar a idade de 30 anos na data en que remate o prazo de solicitude.

A isto hai que sumarlle outro requisito, que establece que, para acceder á praza, non pode existir oferta de centros públicos para realizar os estudos correspondentes no concello onde radique a residencia familiar. Neste caso, exceptúase a realización de estudos universitarios nos que o estudante non acade a nota de corte.

A valoración das solicitudes realizarase por parte dunha comisión cualificadora creada para tales efectos, e que, entre outros aspectos, valorará os seguintes criterios de selección: que o estudante xa fora residente no cursos anterior, o rendemento académico, a renda da unidade familiar, a situación de familia numerosa, a minusvalía de calquera membro da unidade familiar ou a situación laboral de desemprego sen prestación económica do pai ou da nai.

Cada comisión elevará a proposta de resolución no prazo máximo de 2 meses, e as listas de admitidos serán expostas nas residencias xuvenís, no rexistro xeral dos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e no Centro de Información Administrativa e Atención ao cidadán de Santiago de Compostela.

Información anexa

Convocatoria e Solicitude
VIDEO SOBRE A RESIDENCIA XUVENIL LUG DE LUGO
VIDEO SOBRE A RESIDENCIA FLORENTINO LOPEZ CUEVILLAS DE OURENSE
VIDEO SOBRE A RESIDENCIA XUVENIL ALTAMAR DE VIGO

blog comments powered by Disqus