A Selección Galega volta a Riazor
O próximo 27 de Decembro a selección masculina xogará en Riazor, mentres que o combinado feminino farao ao día seguinte en Pasarón contra a selección vasca.
A finais de ano vivirase outra festa do fútbol galego en Riazor, festa tinguida polas cores branquiazuis por partida dobre. A Selección Galega enfrontarase a Chile no estadio coruñés, sendo esta a segunda ocasión na que o combinado galaico usa este emprazamento.
Xa no ano 2006, a selección dirixida por Fernando Vázquez e Arsenio Igrexas enfrontouse a Ecuador, coincidindo este partido cos actos de celebración do Centenario do R.C.Deportivo. Este choque terminara con empate a un tanto. No ano 2005, xa se enfrontaron a Uruguai en Santiago, e este ano disputaron un encontro en Balaídos contra Camerún.
Augusto César Lendoiro conversou a principios de semana co Concelleiro de Deportes do Concello da Coruña, expresando a vontade do R.C.Deportivo de colaborar co Concello, quen se dirixira previamente ó clube deportivista para solicitar o Estadio, e ca Xunta de Galicia para xogar ese encontro na Coruña. “Faremos un esforzo importante dende o clube para que se poida xogar este partido porque temos enriba da mesa varios informes técnicos que nos recomendan que o césped teña o máximo descanso posible nos periodos que non haxa competición”, comentou o mandatario branquiazul.
Ademais de repetir escenario, quen volverán estar no banco serán Fernando Vázquez e Arsenio, este último cultivou nos últimos meses a Liga Indoor co Deportivo de Veteranos.
Marcelo Bielsa, seleccionador chileno, esixiu ao Sindicato de Futbolistas Profesionais (SIFUP) que nesta convocatoria figure unha gran maioría de xogadores que participaron con Chile nos seus últimos partidos oficiais. A presenza destes futbolistas importantes é unha das peticións que a Federación Galega de Fútbol formulou ao SIFUP.
O combinado feminino pola súa banda, que seguirá sendo dirixido por Pilar Neira, enfrontarase a Euskadi en Pasarón o 28 de decembro.