miércoles, 25 de febrero de 2009

FEIJÓO CONVERTERÁ O DEPORTE EN FERRAMENTA DE SAÚDE



O deporte como ferramenta de saúde será a filosofía inspiradora das medidas do futuro Executivo do PPdeG, convencido de que o exercicio físico constitúe a medida máis racional e eficiente para avanzar na prevención da obesidade e o sedentarismo, pero tamén de hábitos de vida pouco saudables, como o tabaquismo, o alcohol e outras substancias aditivas.

Feijóo aposta por superar a politización e o sectarismo que caracterizou a política deportiva do bipartito, que chegou a botar fóra de Galicia a algún dos mellores competidores de elite.

Para pasar páxina, Feijóo compromete a promulgación dunha nova lei do deporte encamiñada a impulsar o deporte para todos, fomentar hábitos saudables e asumir a cultura da saúde desde a idade escolar ata a terceira idade.

Materializar eses obxectivos implicará tamén un maior financiamento público, que irá acompañado da participación privada, para o que se impulsará unha reforma lexislativa que favoreza os patrocinios.

A política deportiva do futuro Executivo do PP de Galicia fixará como meta da lexislatura as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) nesta materia: 30 minutos diarios de actividade física moderada para os adultos e 60 minutos diarios para os rapaces.

Ademais, o PPdeG tratará de xeneralizar a práctica de exercicio físico entre os maiores de 60 anos e as persoas con discapacidade e, para iso, facilitará a contratación dos monitores deportivos necesarios e mellorará a dispoñibilidade das instalacións.

No ámbito dos equipamentos, o Goberno de Feijóo impulsará un plan director de infraestructuras deportivas co obxectivo último de que todos os cidadáns dispoñan dunha instalación deste tipo a menos de 30 minutos do seu lugar de residencia, centro de traballo, ou de estudio.

Estender a práctica do deporte en familia é outra das arelas do PPdeG, que pretende acadar ese obxectivo estendendo as instalacións lúdico-deportivas que permiten conxugar distintas actividades de ocio e saúde coa participación de pais e fillos.

Nunha primeira fase, a Xunta do PPdeG habilitará instalacións deste tipo nos concellos de máis de 25.000 habitantes, para amplialas, posteriormente, a todos os municipios que superan os 15.000 habitantes.

Estas medidas completaranse cun apoio decidido aos deportistas galegos de alta competición a través dunha política de colaboración coas distintas federacións cun triple orientación: incrementar os éxitos deportivos na alta competición; facilitar a dedicación do deportista á súa carreira deportiva; e propiciar a reincorporación do deportista á vida cotiá unha vez finalizada a súa carreira profesional no mundo da competición.

Simultaneamente, o PPdeG creará o Instituto de Medicina Deportiva de Galicia, tomando como base as dúas unidades deste tipo existentes actualmente na Comunidade (na Coruña e Vigo). Tamén implantará en Galicia o terceiro centro de alto rendemento deportivo de España, que se sumará aos xa existentes actualmente en Madrid e Barcelona.

blog comments powered by Disqus